Wednesday 01 de May de 2024

O Concello promove a creación do primeiro selo de correos en homenaxe a María Casares


A alcaldesa, Inés Rey: “O Goberno municipal segue traballando para inmortalizar o legado das principais figuras históricas da cidade, reivindicando as orixes dunha muller coruñesa e universal”

Unha pequena cantidade dos selos conmemorativos será distribuída gratuitamente desde este xoves ás persoas que visiten a mostra de María Casares aberta na Casa Museo Casares Quiroga ata este domingo

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acuñou en María Pita o primeiro selo conmemorativo en homenaxe a María Casares, unha iniciativa impulsada polo Concello en colaboración coa Sociedade Filatélica da Coruña no contexto dos actos polo Ano Internacional María Casares.

O selo, o primeiro do mundo dedicado á célebre actriz coruñesa exiliada en Francia, forma parte dunha edición especial que inclúe tamén unha tarxeta postal prefranqueada e un cuño oficial de Correos, operativo durante un mes, desde este xoves 5 de maio, na sede principal de Correos na cidade. Tras este primeiro mes, o mataselos pasará a estar dispoñible tamén a escala nacional.

Neste sentido, a obra gráfica que ilustra o selo e a tarxeta postal de María Casares leva a autoría do deseñador polaco Wozniak, residente en Francia. Dita ilustración acompañou, no seu día, un artigo do xornalista Ramón Chao na publicación gala Le Monde Diplomatique.

Unha pequena cantidade destes selos conmemorativos será distribuída gratuitamente polo Concello da Coruña na Casa Museo Casares Quiroga, onde a mostra ‘María Casares: Vivencias de infancia e xuventude, 1922-1936’ estará aberta á cidadanía na planta baixa da casa museo ata este domingo 8 de maio. Desde este xoves, as 150 primeiras visitas á exposición na Casa Museo Casares Quiroga recibirán un dos selos conmemorativos “O Goberno municipal segue traballando para inmortalizar o legado das principais figuras históricas da cidade, reivindicando as orixes de María Casares e poñendo en valor a súa traxectoria, a dunha nena que se criou na rúa Panadeiras e que, anos despois, converteuse nunha muller recoñecida a nivel internacional. Este selo conmemorativo, que viaxará polo mundo, remarca a súa identidade de coruñesa universal”, valorou Inés Rey.

En paralelo, a Sociedade Filatélica da Coruña distribuirá este selo conmemorativo ás e aos coleccionistas nacionais e internacionais que o requiran para as súas coleccións.

Continuidade do programa de actos do Ano Internacional María Casares
Esta iniciativa dá continuidade aos actos previstos polo Concello no contexto do Ano Internacional María Casares, que conmemora o centenario do nacemento da actriz coruñesa, e que comezou a inicios de febreiro coa inauguración da mostra itinerante ‘Eu son de aquí’ no Fórum Metropolitano. Esta exposición, que reivindica as orixes de Casares na cidade, percorre as Bibliotecas Municipais da Coruña e actualmente está aberta ao público na biblioteca municipal de Monte Alto, tras pasar polo Fórum Metropolitano, o centro sociocultural Ágora e a biblioteca municipal do Castrillón.

Ademais, o programa de actividades polo Ano Internacional María Casares abrangue multitude de eventos teatrais e académicos que se levarán a cabo ao longo deste 2022.